UN GRAN DE SOL SALTA NO CRIBO

            Máis aló dos ruídos do mundo, a verdadeira vida é música. Para tímpanos puros non hai maior ledicia que o pequeno son dun gran de trigo que salta nun cribo coma os dedos asaltan unha pandeireta. A invasión da fermosura sinxela. A bomba da delicadeza. O saber da harmonía conectada co fondo primixenio da terra. Algo que vén de moi lonxe e que vai para máis lonxe. O tuntún do corazón do grilo soa aquí. A flor da fariña ábrese aquí. A primavera ascende nesta escala. Na voz sensual e profunda e na gaita de lume que entra en transo. Aquí están os amores e a palabra popular levada da man de novas curvas melódicas, como están ancestrais ritmos da nosa alegría comunal. Nela sentimos, nela soñamos, nela danzamos, nela somos. Neste disco ofrécesenos a marabilla da composición e o virtuosismo da intuición: tradición renovada. Isto que é botarse a tocar polo corazón arriba. Comunicar cos pés que baten no chan e fusionar o son do río co senso emocional dun alalá. Melancolía atenuada polo espírito da festa. Todo salta no cribo pola conxunción de saberes e talentos que se encontran para transmitir con maxia xenerosa a creación dun folk fresco de terra adentro. Do interior do son. Do interior do val. Do interior da serra. Do interior de nós. Esta música luminosa nova celebramóla coma un gran de sol que salta de repente nun cribo e permanecerá para sempre brillando na peneira. Escoitade atentos a súa mensaxe profunda: Benvidos á Vida.

 


Olga Novo.

 

  Saúdo